Páginas

jueves, 21 de noviembre de 2019

Estraloque




Esborrexo nas gadoupas dos teus beizos
cando o termo maldito,
lembranza inerte e testemuña das lousas do tempo,
emana en cada fonema coma un flegmático veriño,
condenándome, por sempre, por mor do meu sangue,
a ser a Medea do teu apólogo baldío.


Degaxo, paseniño, a luz do sol sobre a auga xélida do teu mar,
bambeando na pegañenta tea de promisións,
fiucega ante a alfa que precede a treboada,
ante a sentenza inicua da egrexia meiga convertida en voaxa.


Bafexo o ar das túas mans estériles azamelando a vida,
cravando as unllas nas engurras que enfeitan os ollos
mentres os ocasos mortos arrolan, velaíño,
o degoxo da salagre palabra.


E río.
Perdida.
Mentres as labaradas morden os pés da filla de Idia,
os meus pés,
na eterna noite de xuño.


Veronica Pousada Pardo. En Fundido en malva. Wanceulen Ed. 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario