Páginas

domingo, 8 de agosto de 2021

TODO VAI SAÍR BEN




Prohibístesme saír á rúa sen máscara

(vivo en Chernobil, Somalia,

Fukushima, Mailuu-Suu, Semipalátinsk)


Prohibístesme visitar a familia

(son unha nena perdida do franquismo,

un bebé roubado en España, Chile,

Arxentina, Kenya, Honduras, China)


Prohibístesme saír de festa cos colegas

(son un neno soldado en Burundi, Yemen,

Afganistán, Irak, Siria, Somalia, Ruanda, Sri Lanka)


Prohibístesme viaxar a outro país, coñecer mundo

(son un dos milleiros de cadáveres

amoreados no fondo do Mediterráneo)


Prohibístesme manifestarme libremente

(nacín nunha de tantas ditaduras

amigas da túa democracia plena)


Prohibístesme ser ceibe no meu propio país

(loito pola liberdade do meu pobo

no Sáhara Occidental, no Tíbet, en Palestina, no Kurdistán)


Silencios atronadores que duran

moito, moito máis de un minuto,

elásticas fronteiras aramadas,

tratados e contratos de venda de armas


lexislan sobre o meu estado de alarma

sen alarmar o teu estado,


enfundan os meus dereitos

en fondas e fuscas fundas feitas

do mesmo veludo co que se tapizan

as butacas dun parlamento,


envolven os meus dereitos en papel de regalo,

empaquétanos, átanos ben atados

con fermosos lazos de igual forma e cor

que eses crespóns pendurados

da túa xigante bandeira a media hasta,

da túa hipócrita pancarta no balcón,

da conciencia limpa e tranquila

dunha multitude exaltada aclamando, loando

o amado líder que, riseiro e afable,

saúda a destra e sinistra e certifica que

–coa súa inestimable axuda–


todo vai saír ben,


todos imos saír mellores


disto.


Carlos Da Aira. En: Voces del Extremo, poesía y economía. Ed. Amargord, 2021

No hay comentarios:

Publicar un comentario