SEGANDO
As maquinas rozadoras non desprazaron as gadañas porque sexan mellores: o seu uso impúxose pola nosa actitude coa tecnoloxía.
Paul Kingsnorth en Ecoloxía escura
A Liev Nicolaievich Tolstoi
Mentres a media lúa con cadencia
corta o ar e a herba na chaeira;
mentres a folla canta nesta xeira,
o ego abandona a resistencia.
A lei do prado marca a frecuencia:
en cada desnivel, cada toupeira,
cada couce ou pedra ventureira
ten que volver un intre a consciencia.
O campo, o sol e a herba só transcorren;
a razón para o seu fluír seguido
e o corpo ceibe obedece ao ferro.
Nesta danza ancestral, as verbas morren,
e fan do segador un eu detido
que é campo, herba, sol e mesmo ferro.
DICKENSIANA
«O plástico que envolve o plástico
que levas nesa bolsa (de polietileno)
exterminou a nosa especie
no Nadal do futuro.»
INSTRUCIÓNS PARA UNHA REBELIÓN ESTÁTICA
Os nosos reinos estaban vivos na nosa imaxinación, e como non precisabamos nada concreto para vivir, podiamos non expoñer nada ás armas dos inimigos. Un soldado resulta inútil sen un albo [...]
T.
E. Lawrence en «Guerrilla», entrada na Enciclopedia Británica
1.ª Sacar as anteolleiras
e mirar para as marxes
procurando unha gabia
que sexa para ti.
2.ª
Acampar.
3.ª Dende a cuneta
ollar como avanza
ese tren narcisista
cara á plataforma
final: o futuro.
DESNOMEAR
Apostato do deus
que ordenou ao home
bautizar as bestas.
Renego de Linneo
que cumpriu o mandato
cunha fe ilustrada.
Defendo a sorpresa
de ver a cada ser
como un individuo,
sen xénero nin especie;
como un pequeno pelo
exiguo e necesario
na eterna pel do mundo.
Rodrigo Osorio Guerrero. Fluixído Mañá. Ediciós da M. 2022
No hay comentarios:
Publicar un comentario