documentos de pensamiento radical

documentos de pensamiento radical

viernes, 7 de septiembre de 2018

4 poemas de A MULLER SINFONÍA de CLAUDIO RODRÍGUEZ FER





NIN DEUS NIN AMO

cette parole de prophète,
je la revendique et vous souhaite
ni dieu ni maître
Léo Ferré, “Ni dieu ni maître”*

A inmensidade sempre
sen deus nin amo.

O aire, a terra, o mar,
sen deus nin amo.

O tigre de Bengala,
sen deus nin amo.

As ideas, o libre pensamento,
sen deus nin amo.

Proudhon, Bakunin, Kropotkin,
sen deus nin amo.

A paixón, o amor, o sexo,
sen deus nin amo.

Emma Goldman,
sen deus nin amo.

Vindicación proletaria,
sen deus nin amo.

Buenaventura Durruti,
sen deus nin amo.

Insubmisión á tiranía,
sen deus nin amo.

Salvador Puig-Antich,
sen deus nin amo.

Educación libertaria,
sen deus nin amo.

Ferrer i Guàrdia,
sen deus nin amo.

Liberación do individuo,
sen deus nin amo.

Ricardo Mella,
sen deus nin amo.

Respirar o aire libre ata o máis fondo do fondo
sen deus nin amo.

Porque cando o poder é o obstáculo,
anarquía.

Porque cando o poder é o obstáculo para lograr a máxima expresión da orde,
anarquía.

Porque cando o poder é o obstáculo para lograr a máxima expresión da orde existe unha palabra:
anarquía.

Porque cando o poder é o obstáculo para lograr a máxima expresión da orde existe unha palabra sen deus nin amo:
anarquía.

Liberdades, xustizas,
sen deus nin amo...

Amores, desexos,
sen deus nin amo...

Poesía só sempre
sen deus nin amo...

E cando a poesía se fai música,
anarquía.

Ten un lagarto pintado,
anarquía.

Non son de aquí nin son de alá,
anarquía.

Quero verte danzar,
anarquía.

Colle un camiño salvaxe,
anarquía.

Quérote libre, pero non miña,
anarquía.

Despois de que eu faga TILT! e isto faga BOING!
anarquía.

Coa súa cara de Marilyn,
anarquía.

Ouh nena, ti es tan viciosa,
anarquía.

E o lagarto dálle ao rabo,
anarquía.

Porque te amo
sen deus nin amo.

A intensidade sempre
sen deus nin amo.

Sen deus nin amo
nin deus nin amo.

Nin deus nin amo,
nin deusa nin ama,
nin sucedáneos.

* O poema “Nin deus nin amo” toma o título da canción “Ni dieu ni maître”, de Léo Ferré, mais incorpora tamén descargas alusivas ás cancións “A saia da Carolina”, de tradición popular galega; “No soy de aquí”, de Facundo Cabral; “Voglio vederti danzare”, de Franco Battiato; “Walk on the wild side” e “Vicious”, de Lou Reed; “Libre te quiero”, de Agustín García Calvo e Amancio Prada, e “Comic strip”, de Serge Gainsbourg.




COMO UN CANTO RODADO
(FLOTANDO NO VENTO)

like a complete unknown,
like a rolling stone?
Bob Dylan, “Like a rolling stone”

                                   the answer is blowin' in the wind
Bob Dylan, “Blowin' in the wind”

A Sixto Aguirre Garín
e a todos os estudantes asasinados
polo franquismo dende 1936

Esquecín os nomes de todos os reis godos,
os máis de cen símbolos químicos
da táboa periódica dos elementos perigosos,
os dezanove modos válidos do siloxismo inútil,
os principios fundamentais do movemento inmóbil,
apenas me lembro do principio de Arquímedes
ou do teorema de Pitágoras
cando o poder nos ocupa desaloxando
aos libres hipotenusa arriba,
mais non esquecín nunca
os solidarios nomes estudantes
de Carlos González Martínez
e Arturo Ruiz García simplemente,
suspendidos a tiros para sempre
no Madrid en transición á nada,
flotando no vento da historia,
como un canto rodado.

Esquecín o título de todos os cadros
dos artistas de cámara e de corte,
pero non o que poñía a pintada
que non puido terminar baleado
Francisco Javier Verdejo Lucas
cal poema escrito contra un muro
de Almería candealmente inconcluso,
flotando no vento da historia,
como un canto rodado.

Esquecín o referendo que aprobou
a reconversión do franquismo
dende dentro da caverna,
pero non que ese mesmo día
foi reprimida en Madrid a disidencia
de Ángel Almazán Luna, morto
a golpes de uniformado poste,
flotando no vento da historia,
como un canto rodado.

Esquecín a nomenclatura das néboas
e o nivel de humidade dos aerosois,
pero aínda me fai chorar o fume do bote
policial que matou a María Luz Nájera
manifestándose sen antes repasar
o exame de meteoroloxía fascista
con risco de precipitación de gases,
flotando no vento da historia,
como un canto rodado.

Esquecín antes o nome das illas
canarias que o dos canarios
Bartolomé García Lorenzo
e Javier Fernández Quesada
ou o das provincias vasconavarras
que o de Javier Escalada Navaridas
e José Luis Aristizabal Lasa,
pero nunca que os mataron nelas;
por iso digo os nomes e os lugares
que os fan un a un revivir únicos
como en min cada un deles segue sendo,
flotando no vento da historia,
como un canto rodado.

Esquecín as armas e os uniformes
dos sanguinarios lacaios da Ditadura,
pero nin por un momento arrebolado
a Enrique Ruano voando dende a fiestra
mentres comía sirenas e bebía bengalas
como todos aqueles alumnos de esperanza
que xa eran profesores de futuro,
flotando no vento da historia,
como un canto rodado.

Que absurdo non ter morto con vós,
poetas sen rima e sen medida,
eu que puiden ser calquera
se o azar non quixese
que escribise este poema,
flotando no vento da historia,
como un canto rodado.

Acaso eles foron os verdadeiros poetas
do meu tempo, para sempre
flotando na nosa memoria,
como cantos rodados,
onde o fascio nunca tivo dominio.






EU SON GREGA

Prends le risque
“Je suis grecque”,
na voz de Melina Mercouri

Nacín
grega.

Malia que nacese
nas aforas
do pensamento da cidade,

como a poesía nun risco.

Malia que se combata
a miña condición de Antígona.

Malia que se ignore
que son Lisístrata exiliada.

Malia que se ocupen
globalmente
o chan e o pensamento de Grecia.

Eu
son
grega.

Son
Afrodita
pensante.

E porque non teño ningunha nacionalidade,

porque precisamente son e non teño,

son grega.





AMOR VITAL
(ABANDONADE O PODER)

Messieurs les Présidents,
si vous aimez votre Peuple,
quittez le Pouvoir
Tiken Jah Fakoly, “Quitte le Pouvoir”

Ela regaloume un lunar.
Eu apenas puiden ofrecerlle o mundo.

Ela abriume pouco a pouco toda unha vida.
Eu apenas lle entreguei todas as miñas.

Din que non se pode vencer o mal,
din que non se pode ser feliz,
din que existe a morte
seguramente porque non te coñecen.

Que proben a quererte, vida.

Que proben a saberte rula
e amarán coma min a liberdade,
que proben a concibirte lique
e coñecerán a lealdade para sempre,
que proben a entenderte ioga, reggae,
caixa de música, calidoscopio, iris,
caracoliño azul, aleph, cronopio,
vertixe, herba, cometa, libro aberto,
que proben a chamarte verde
ou paz interior en todas as linguaxes,
que proben a admirar unlla, pé, perna,
nocello, sofraxe, coxa, glúteo, respectando
o dereito natural á independencia
de cada partícula de vida e de poesía
do teu corpo e da túa mente subversivos.

Porque así todos os poderes do planeta
abandonarán os últimos dominios
definitivamente liberados
polo amor vital.





 CLAUDIO RODRÍGUEZ FER. A MULLER SINFONÍA. 

1 comentario:

  1. Porque así todos os poderes do planeta
    abandonarán os últimos dominios
    definitivamente liberados
    polo amor vital.

    E así saber que unha volta probada a Vida,
    non se volve un atrás,
    e a morte cala a boca.

    ResponderEliminar