documentos de pensamiento radical

documentos de pensamiento radical

martes, 25 de abril de 2017

2 poemas de CARLOS DA AIRA



Terceira guerra mundial

Amenceu un día,
derrubaran as torres xemelgas en Nova Iorque,
alguén dixo que a terceira guerra mundial estaba aquí,
e nós dixemos
xa seremos felices mañá, amor,
hoxe debemos temer.

Amenceu un novo día,
invadiran Irak, Irán, Siria, Libia, Palestina,
bombardeaban inocentes,
alguén dixo que a terceira guerra mundial estaba cerca
e nós pensamos
xa nos amaremos mañá, amor,
hoxe temos que agocharnos.

Amenceu aínda outro día,
as reservas de petróleo e o Dow Jones facían temer o peor,
alguén dixo que a terceira guerra mundial estaba a chegar
e nós dixemos
xa gozaremos da vida mañá, amor,
hoxe debemos botarnos a tremer.

Volveu saír o sol,
a banca deixara de gañar, ou iso dicían,
alguén dixo que a maior crise mundial chegara
e que a terceira guerra mundial estaba cerca,
e nós dixemos
xa brindaremos mañá, amor,
hoxe toca apertar o cinturón ata nos aforcar.

Un día, xa non lembramos cando,
amenceu o día máis gris das nosas vidas,
decatámonos de que a terceira guerra mundial
xa había tempo que comezara;
era contra nós,
disparaban medo a ráfagas intermitentes
e vencían eles.

***

Xa nada cheira coma antes

Os libros xa non cheiran a libro. Aquel arrecendo que xurdía do horizonte onde se unen as peles
máis brancas, aquel cordón umbilical que asomaba nas puntadas, aquela mestura de cola, tinta e
papel colonizándonos os pulmóns, aquela antesala da adicción máis doce para nós, consumidores,
e máis dura para eles, o sistema. Agora, se lapas os dedos despois de pasar cada páxina, xa non
notas aquel sabor a mazá verde e ácida, aquel resaibo a droga prohibida, a transgresión, a delito, a
heroicidade.

As portas das casas xa non cheiran coma antes, a benvida e sorpresa, a froita fresca. Agora fede a
pólvora e a trampa por tras dos pechos, entre os gonzos, e unha corrente de aire tóxica substituíu
aqueles felpudos de goma que arrincaban de raíz todos os pasos mal dados durante a xornada.
Agora todas as portas semellan portas de atrás, e todas as cancelas pechan do revés, contra o
mundo, convertendo cada visita, cada veciño, nun inimigo que derrubar.

As noites xa non cheiran a noite. Limpamos concienciudamente a superficie das nosas mentiras,
antes de pronuncialas, coa máis variada gama de produtos de hixiene persoal, facendo da nosa
nocturnidade un oco aséptico e baleiro onde xa non agochamos os bicos prohibidos, eses que nos
daban a vida ao tempo que nos roubaban a virxindade coa violencia da primeira copa de
augardente.

Os charcos xa non cheiran a charco, nin a auga; cheiran a chuvia ácida, a documental sobre
Chernóbil e mutacións xenéticas, cheiran a chapapote e praia sen ondas, nin rochas, nin vento, nin
cunchas; cheiran a buratos de ladrillo, ou nin sequera iso: cheiran a buratos grises, a pésima
novela de ciencia ficción, a máquina do tempo sen batería. As nenas de mañá míranse nos charcos
de hoxe e non se ven, saltan nos charcos de hoxe e non chapican unha soa gota de auga; saltan
neles con todas as súas forzas e apenas conseguen producir o terrible ruído duns zapatos
esmagando formigas que xa non volven de traballar, como nos contos, senón de emborracharse na
taberna, e é por iso que volven facendo eses.

O amor xa non cheira coma antes, a inocencia desbocada e perigosa. Toda a tecnoloxía deste
século foi inventada e desenvolvida quer para ocultar o arrecendo do amor quer para fabricar os
cartos cos que lle mercar un fermoso disfrace e un perfume indecentemente caro. Sexa como for,
estamos a pagar a nosa perda irremediable do olfacto para o amor.

Xa nin o odio cheira coma antes!
Oh! Lembras? Lembras como arrecendía antes, o odio, a revolución?
Agora o odio tan só cheira -simple e asepticamente- a odio, e así non hai quen se namore.


Carlos Da Aira

No hay comentarios:

Publicar un comentario