María
Alonso, da Bañeza, vinte e oito anos. Viña polos vraos á vila. Non volveu desde
o 36. Mal ano o do 36. Peor que malo. Era albardeira, cosía aparellos e
monturas para as cabalarías. Delicadamente. Á mao. Non tiña noivo aínda que
lle sobraban pretendentes. Ía á misa os domingos, non tanto porque crese como
por discutir a razón para seguir crendo co cura. Os pobres deben resignarse coa
súa pobreza. Así de claro. Así de escuro. Casualidades da vida, tocoulle un
décimo da lotaría e mercou uns pendentes de ouro. No bico dos pés chegou a
sombra. O 18 de xullo do 36. Peor que malo o ano do 36. Dixo: Non, isto non vai
comigo. E de noite viñeron por ela. Metérona no camión das gasosas e levárona
ao cárcere de San Marcos, hoxe hotel para podentes, na veciña León. Pelárona.
Non fai falta dicir o que os pistoleiros da falanxe facían coas mulleres. O que
os pistoleiros da falanxe facían coas persoas. O seu pai pensou, supoño que
pensou: non estaría de máis calar un pouco. E morreu, calado. A ela atopárona á
beira dun trigal de Izagre setenta e cinco anos despois os rapaces que levan
unha luciña aos formigueiros da memoria. Xunto á cabeciña de María apareceu un
só pendente como unha pebida de ouro arrincada das minas do esquecemento. O
outro, seica esquecido sobre a mesa de noite, levouno a súa irmá engarzado nun
anel o resto da súa vida. Xa está. Iso é todo. Encomiados sexan os
insatisfeitos, os inofensivos e os desesperados. Dignos de eloxio os que
dixeron non no canto de xa veremos. Paz aos que abriron o libro da terra para
que continuase nas estrelas a vida dos mortos.

No hay comentarios:
Publicar un comentario